Thursday 19 de September de 2024

Inés Rey maniféstalle o “orgullo de toda a cidade” a Yolanda Castaño polo seu recoñecemento como Premio Nacional de Poesía


A alcaldesa recibiu a poeta no Palacio de María Pita e reivindicou o importante labor cultural de Castaño como directora do ciclo literario Poetas Di(n)versos, referente nacional e internacional

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá á poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, logo de ser recoñecida como Premio Nacional de Poesía 2023 polo seu poemario ‘Materia’. Rey manifestoulle “o orgullo de toda a cidade” polo galardón, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte e considerado un dos premios máis importantes a nivel estatal.

A rexedora reivindicou o importante labor cultural de Castaño na Coruña como directora do ciclo literario Poetas Di(n)versos, referente nacional e internacional como a única cita estable de España que acolle poetas internacionais de xeito regular. O ciclo, que foi recoñecido co Premio Follas Novas á Mellor Iniciativa Cultural de Galicia o pasado ano, súmase a outras actividades dirixidas pola poeta en colaboración co Concello como a Residencia Literaria 1863 para a estadía creativa na cidade de autores/as de distintos países do mundo ou chegados/as doutros puntos de España.

Rey e Castaño destacaron a boa sintonía para o desenvolvemento de actividades conxuntas e adiantaron que continuarán na senda da colaboración, consolidando o ciclo Poetas Di(n)versos e avanzando na súa maior proxección internacional.